Publicado o Deixa un comentario

Caen as follas

Outono. Caen as follas. Voan en remuíños axitadas e zarandeadas anunciando o inminente inverno, ou bailan ao compás da brisa aínda morna e amable despidíndose con preguiza do verán ido. Empápanse en choivas tormentosas mudando de cor e de textura ou son lavadas delicadamente polas densas néboas producidas pola humidade e os contrastes de temperatura. Verdes, vermellas, amarelas, marróns, ocres, douradas, moradas… incribles gamas de cores. Unha beleza sempre sorprendente, sempre melancólica, cargada como está da inminencia da morte.

 

 

 

 

 

 

Exquisita na súa fraxilidade, na súa brevidade. Percibe quen olla o privilexio que supón ver algo tan belo e tan efémero. Tveches sorte de velo, de miralo, de aprecialo. Intentas inmortalizalo facendo fotos, escribindo sobre o para o lembrar con toda a emoción, toda a intensidade coa que vés de gozalo. Anhelas apresar esa beleza, que forme parte de ti, que se quede contigo, que te console e te acompañe en momentos de necesidade, que te arroupe e te defenda de tantas cousas feas, desagradables, molestas, malas, que sabes que terás que sufrir en calquera momento.

 

 

 

 

 

 

 

Nun xesto máxico tratas de facerche un amuleto. Un elemento que aglutine esa beleza e te salve cando haxa perigo, che acorde que bonito é o mundo, que interesante a vida, ata que punto ti a mereces porque a aprecias, porque a gozas, porque a vives; ata que punto a túa vida non é insignificante porque é receptiva, simplemente, malia que non teñas feito nada aparentemente aínda, malia que non gañes o diñeiro que pensabas gañar, malia que non che recoñezan os méritos que crías ter, malia que todo che saíse fatal e sexas un puñetero desastre. Aprecias o bo. É capaz de ver o bello. É unha persoa e, do mesmo modo que un gato non ten máis obriga na vida que ser un gato, ti fundamentalmente só tes que ser iso, unha persoa.

 

 

 

 

 

 

 

Pécora conseguiu facer ese amuleto de vida. Plasmou en teas, poderíase dicir que “por contaxio“, toda esa beleza efémera e deulle un pouquiño máis de tempo para nós. É unha obra de amor á vida para amantes da vida e é un amuleto de equilibrio, beleza e felicidade. Grazas meiga alquimista conservadora do instante milagroso e salvífico! Tingue, pinta, crea para que non esquezamos canto nos gusta vivir.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *