PANDEMIA
Mórbidas eran as caricias
E os infinitos infinitesimais beixos que nos dimos.
Letais medraban os que non nos dimos.
Tóxica era a pel que compartiamos
Deleterio o aire que nos disputabamos.
Alí onde nosos nomes embozados
Fundíanse en ofrecido esquecemento.
De enfermiza nostalxia contaminadas
As nosas cousas hóspedes viaxeiras
Nas que a casa de nós baleira
Ás veces aniñaba.
Caricias, beixos, aire, pel, cousas…
Velenos necesarios,
Portadores de presenza:
Tempestade e coidado.
Preñada de distancia e despedidas,
De ausencias e promesas incumpridas,
De esperanzas rotas,
E tamén do por vir inesperado.
Mais parecera agora que os demos airados dos tempos
Conspiran indolentes
Para endereitar o arco afuracado da metáfora
En cuxa distensión gárdanse
E agardan as sementes do futuro.
Inimigos desta e de calquera outra figura
Traballan incansables
Enxugando cada vez máis tempo
Na presenza compartida
Ata que só fiquen máscaras
Profilácticas
Superpostas
Mirándose entre si
De quita e pon
A xogo coas horas
Meu amor, não venhas tarde
Sem alegria
Eu confesso, tenho medo
Que tu me digas um dia
Meu amor, não venhas cedo
Por ironia
Pois nunca sei onde vais
Que eu chegue cedo algum dia
E seja tarde demais
Será talvez tarde de máis…